505O status internacional de neutralidade activa do Estado español, que incluirá:
O status internacional de neutralidade activa do Estado español, que incluirá:
- Territorios
- Fuente
- PDF, pág. 89
O BNG, como forza pacifista e antiimperialista, que aposta polo respecto á soberanía nacional dos pobos e pola resolución pacífica dos conflitos, rexeita de maneira rotunda a política de inxerencias que está a manter o Estado español nos conflitos internacionais, ao se revelar simplemente como un peón dos Estados Unidos e da OTAN, cuxo obxectivo é recuperar un enfrontamento entre bloques que lle permita demorar a súa perda da hexemonía mundial nos campos político e económico.
A nosa loita política tamén traballa para mudar a globalización en favor dunha relación en pé de igualdade entre nacións, ademais de para converter o noso país nun actor que a nivel internacional axude a construír un modelo alternativo ao actual capitalismo transnacional cos demais pobos. Ao defendermos a soberanía do pobo galego, reivindicamos tamén a necesidade de recuperarmos o respecto polo principio de soberanía e a non-inxerencia tamén para os demais.
Avogamos, por tanto, en favor de que o Estado respecte os seus compromisos como signatario da Carta da ONU e dos pactos e acordos posteriores que recollen o dereito dos pobos á auto-determinación —comezando polas nacións que aínda facemos parte del— e se afaste das estratexias bélicas e intervencionistas. Nese sentido, condenamos todas as agresións e defendemos:
O status internacional de neutralidade activa do Estado español, que incluirá:
Rexeitamento ao incremento do gasto militar e ao acatamento das directrices OTAN e Estados Unidos neste ámbito. Redución progresiva das cantidades millonarias dilapidadas nesta materia, que ademais implican recortes en servizos públicos esenciais como a sanidade, o ensino e os servizos sociais.
Opoñerse, no ámbito da UE, á militarización e ao desvío orzamentario de partidas sociais destinadas a fins militares e á industria bélica. Excluír da explotación nos plans de minaría, no ámbito das actuais competencias españolas en materia de lexislación básica sobre minaría e dos plans de exploración mineira, aquelas materias primas -litio, coltán, neodimo, berilio, etc- definidas como críticas e estratéxicas para uso militar pola OTAN e a UE.
Avanzar no proceso de desmilitarización de Galiza e devolución paulatina dos espazos (a comezar polos declarados de non interese militar) para uso civil e traspaso á Xunta.
Defender unha nova arquitectura internacional igualitaria entre os pobos, non xerarquizada, que recoñeza o dereitos das nacións á súa libre determinación -a comezar pola nosa- e a se relacionaren en pé de igualdade, sen inxerencias nin agresións en coherencia coa nosa visión pacifista e antiimperialista. No inmediato:
a) Anular o cambio de posición do goberno español a respecto do dereito á autodeterminación do pobo saharauí, condenando enerxicamente a ocupación marroquí do Sáhara Occidental, e instando a que o Estado español impulse un referendo de autodeterminación con garantías democráticas.
b) Condenar enerxicamente o Estado de Israel pola ocupación e colonialismo nos territorios ocupados da Palestina. Recoñecemento real e efectivo do Estado palestino.
c) Chamar á fin das agresións imperialistas, particularmente no Oriente Medio e no Norte de África.
d) Rexeitar a política de inxerencia dos Estados Unidos, que busca desestabilizar os gobernos progresistas de América Latina, e que mantén a agresión a Venezuela e o bloqueo a Cuba.
Defender unha política de paz opóndose ás medidas que buscan estender na sociedade o militarismo; e consecuentemente demandamos a abolición definitiva do Servizo Militar Obrigatorio (só en "suspensión" desde o ano 2001) por responder ás estratexias bélicas da OTAN e UE, e sendo o exército español unha ferramenta do réxime, ao servizo do centralismo españolizador e negador da realidade plurinacional do Estado.
Oporse a calquera tipo de tratado comercial internacional que vulnere a soberanía dos pobos e os dereitos sociais, laborais, ambientais e os relativos a unha vida digna e saudábel.
Combater as causas radicais das migracións en masa, en especial as políticas neocoloniais e imperialistas no continente africano ou no Oriente Medio, as guerras, o saqueo dos recursos naturais...; en definitiva, inxerencia externa.
Defender no seo da Unión Europea unha política de migracións respectuosa co dereito de asilo político, cos dereitos sociais e laborais e co desenvolvemento dos pobos.
Renegociar os acordos Schengen en favor dunha acción decidida en prol de políticas novas de migracións internacionais e de desenvolvemento. Do mesmo xeito, oporse de pleno a calquera reforma regresiva en materia de dereitos e de liberdades individuais e civís coa desculpa de ameazas antiterroristas.